Federación de Sociedades Galegas na Suiza

Os centros que forman na actualidade a Federación de Sociedades Galegas na Suiza son:

  • Centro Galego de Berna (Berna)
  • Irmandade Galega na Suiza (Xenebra)
  • Promoción da Cultura Galega(Lousanne)
  • Centro Galego (Lucerna)
  • Centro Galicia (Olten)
  • Promoción da Cultura Galega (Zurich)
  • Centro Galego (Baden – Wettingen)
  • Centro Galego de Zug “A Nosa Terra”
  • Centro Galego Val do Rhin

Fundada en novembro de 1980, na cidade de Olten, ten a condición de centro colaborador desde outubro de 2004. Na actualidade conta cuns 3.000 socios, dos que o 85% son galegos.

Nos seus primeiros estatutos constituíron a sede social na rúa de la Servette, nº 91 da cidade de Xenebra. En 1989 e durante a celebración do IV Congreso da Federación modificaron os estatutos iniciais logo das experiencias organizativas e de funcionamento verificadas desde a súa fundación.

Unha modificación importante refírese precisamente á ubicación do domicilio que será no domicilio da sociedade que neses momentos lles corresponda á Secretaría da Federación.

O órgano directivo supremo é o Congreso que se celebra, con carácter ordinario, cada 2 anos, acadando no ano 2004 o X Congreso.

A traxectoria da Federación durante todos estes anos tivo altibaixos importantes no seu funcionamento. Así durante a presidencia do Sr. Álvarez Carrera celebráronse dous congresos importantes polos temas que neles se trataron. Por exemplo, no VI Congreso celebrado en 1993 as ponencias analizaron temas sociais (pensións, paro en Suiza, peche de consulados, etc), sociopolíticos (voto estranxeiros, auxe do racismo e da xenofobia en Europa…), socioculturais (dereito dos fillos dos galegos a ter un ensino en galego, formación entre as sociedades de candidaturas para os consellos de residentes españois , etc).

Foi nese ano 1993 cando publican o primeiro número da revista “Diáspora” que recolle artigos culturais de interese, así como un resumo das actividades previstas a desenvolver no seo da Federación. Tamén dá conta da incorporación á Federación do Centro Galego de Zug “A Nosa Terra”, e din que nese momento eran 12 os centros asociados.

Publicaron dous números máis da revista, os correspondentes aos anos 1997 e 1999, coincidindo coa celebración dos VII e VIII Congresos.

Durante ese período, a institución tivo unha actividade cultural moi activa. Destacando as celebracións:

  • Día das Letras Galegas: Durante o mes de maio, con conferencias por todos o centros asociados; ciclo de cine galego, concurso literarios, …
  • Día da Patria Galega: Torneo de fútbol, verbena, actuacións de grupos artísticos, desfiles.
  • Xornadas Culturais de Outono: Ciclos de cine e conferencias.

A partir do ano 2000 a actividade da Federación decae case totalmente, e será despois dunha fructífera xuntanza celebrada en Zürich o 1 de febreiro de 2004 cando rexurde, creándose un comité transitorio ata a celebración do X Congreso, nun primeiro momento previsto para o mes de xuño dese ano e finalmente celebrado os días 27 e 28 de novembro.

Naquela xuntanza asumiu a presidencia deste comité o presidente do Centro Galego de Zug “A Nosa Terra”, D. Pedro Hombre Pombo e nela, entre outras, acordaron reducir o programa de actividades da Federación debido á mala situación económica na que se atopaba, pero sen renunciar á celebración do Día das Letras Galegas (ese día foi o elexido para repartir a súa revista “Diáspora” reeditada de novo nese ano), Día da Patria Galega, Xacobeo 2004 e X Congreso. Acordan tamén que se comecen a solicitar subvencións ó Goberno Central de Suiza e á Xunta de Galicia antes de que rematen os prazos.

O desexo dos actuais membros da Federación é que a institución volva a recuperar a actividade doutra época, xa que é necesaria para poder seguir loitando dende a diáspora por Galicia, tratando así mesmo de implicar aos xóvenes neste empeño